Xulio Xiz Ramil

Monseñor García Amor

Publicado en La Voz de Galicia, 06/11/2018

Mañá fai 90 anos Uxío García Amor, crego de Vilalba, director da Polifónica Vilalbesa. Podería levar vinte e cinco anos xubilado, pero segue plenamente en activo prodigando actividade e ben a todos os que temos a sorte de estar arredor, aínda que non deamos reflectido o que el irradia de bonhomía, sabedoría, modestia, compaña e agarimo.

Nado en Sante (Trabada), leva 65 anos de crego. Puido ser bispo pero nunca aspirou a distincións e supoñemos que non aceptou. Na diocese foi vigairo xeral, administrador diocesano e profesor, servindo despois postos máis humildes nas Pontes, Muras e Vilalba, porque a súa vocación é a de servir sempre aos demais.

Don Uxío, en xeral denominación, é un grande das letras, da Igrexa, das humanidades, con tres licenciaturas universitarias e o agarimo e admiración de todos os que foron os seus alumnos ou somos os seu fregueses. Veu a Vilalba e aceptou ser director da Polifónica, sempre de xeito desinteresado, como antes o fora do Orfeón de Obreiros de Mondoñedo. E en Vilalba foi nomeado Socio de Honra do IESCHA, e Chairego de Honra en 2012 por Xermolos e a Irmandade Manuel María. O papa Bieito XVI nomeouno “Prelado de honra da Súa Santidade”, levando consigo este nomeamento o título de Monseñor.

Pois a Monseñor García Amor, este sábado, os vilalbeses renderémoslle homenaxe de amizade e gratitude, cunha misa na igrexa, e un xantar de amigo especial no restaurante Montero, certificando que sempre estivo e está connosco, ao servizo de Vilalba, dun xeito humilde e calado, que tanto ben nos fai, e tanto a el o honra como home de Deus ao servizo da xente.