Uxío García Amor

 

Crego, músico e profesor
Data de Nacemento: 7 de Novembro do 1928
Lugar de Nacemento: Sante (Trabada-Lugo)

Sacerdote da Diocese de Modoñedo-Ferrol. Ordenado en 19 marzo 1953. Estudiou Humanidades no Seminario de Mondoñedo. Licenciado en Filosofía e Teoloxía na Universidade Gregoriana de Roma. Licenciado en Ciencias Bíblicas no Instituto Bíblico de Roma. Desempeñou os cargos seguintes: Superior e Profesor no Seminario de Mondoñedo (1956-66); Mestre de Capela na Catedral de Mondoñedo (1956-71); Secretario Xeral do Bispado (1966-80); Delegado Diocesano de Cáritas (1964-70), e do Clero (1982- ); Administrador Diocesano do Bispado, sede vacante (1985-87); Vicario Xeral do Bispado (1987-93); Párroco de As Pontes (1993- ); Director do Orfeón de Mondoñedo (1968-82). Profesor no Seminario de Mondoñedo (1956-80), na Escola Diocesana de Teoloxía (1982- ) e no Instituto Universitario de Ciencias Relixiosas (1998- ); traballou na acción pastoral como encargado de diversas parroquias rurais, e como responsable das Delegacións do Clero, Cáritas, Apostolado da Oración, Patrimonio artístico... Director da Polifónica Vilalbesa.

 

Publicacións

Artigos sobre temas bíblicos, estudios biográficos, e algúns poemas.

 

Outros datos de interese

En 1982 foi nomeado Fillo Predilecto do Concello de Trabada.

En 1984 recibiu a Medalla de Ouro de Mondoñedo.

En 2003 foi elixido Lucense do Ano.

En Xuño de 2011 foi nomeado polo Papa Prelado de Honra da Súa Santidade.

Socio de Honra da Polifónica de Vilalba. Festa de Santa Icía, 24/11/2012.

En 2018, recibiu o premio da Academia San Rosendo (Lugo).

 

Curriculum Vitae

Don Eugenio García Amor naceu na Parroquia de Sante (Trabada. Lugo), o día 9 de novembro de 1928. Ingresou no Seminario Conciliar Santa Catalina de Mondoñedo no ano 1940, sendo un excelente estudante e un seminarista exemplar.

Ao comezo do curso 1945-1946 foi destinado a Roma para comezar os seus estudos de Filosofía na Universidade Gregoriana, adquirindo o grao de licenciado. Posteriormente cursou na mesma Universidade os cursos de Teoloxía que, unha vez concluídos e obtendo o grao de licenciado, foi ordenado sacerdote en Roma no ano 1953. Ao curso seguinte iniciou os estudos no Instituto Pontificio Bíblico na mesma cidade onde ao cabo de dous anos obtivo o grao de licenciado en Sacra Escritura.

Á volta de Roma foi nomeado profesor de Sacra Escritura no Seminario de Mondoñedo, ademais doutras disciplinas como Lingua e Literatura española, Francés, Arte Sacra e Música, compaxinando todo coa función de Mestre de Capela da Catedral, director da Schola Cantorum, a Secretaría de Estudos e a Vicerectoría do Seminario.

Foi nomeado polo bispo Don Jacinto Argaya, Secretario Chanceler do Bispado e logo Cóengo da Catedral de Mondoñedo como Prefecto de Cerimonias e Delegado diocesano de Liturxia.

Hai un período moi significativo na vida de Don Eugenio ao servizo da Diocese. No interregno comprendido entre a aceptación da renuncia de Don Miguel Ángel Araújo (ano 1985) como bispo da Diocese e o nomeamento de Don José Gea (ano 1987), foi designado polo Colexio de Consultores Administrador Diocesano, realizando este servizo cun gran espírito de xenerosidade e dispoñibilidade para con todos, o que fixo que fose aínda máis apreciado e valorado polos sacerdotes e os fieis que lle coñecían e trataban.

Mons. Gea, no mesmo día da súa toma de posesión, noméao Vicario Xeneral da Diocese. Anos despois, sen ningún apego ao cargo e cunha dispoñibilidade asombrosa, a pesar da idade, é relevado da Vigairía para ser Delegado do Clero e Párroco-Moderador do Equipo Sacerdotal das Pontes e outras nove parroquias. Ao mesmo tempo impartía as quendas de exercicios que lle solicitaban de fóra da Diocese, os retiros aos sacerdotes nos arciprestados, as clases na Escola de Teoloxía, a música e a creación literaria, á que nunca renunciou desde os seus tempos de Roma, cando formaba parte, xunto con alumnos do Colexio Español, do grupo de poetas e escritores “Estría”. A publicación de “Versos da miña vida” na o ano 2003 manifesta esta faceta da súa personalidade.

Actualmente, exerce como Párroco-Moderador no Equipo sacerdotal de Abadín-Vilalba-Xermade, atendendo 26 parroquias da zona da Terrachá.

Antonio Rodríguez Basanta