Sante (Trabada), 7/11/1918
Sante, daquela, tiña que ser como é lóxico, moi primitivo en todos os campos. Eu a memoria que teño de Trabada é moi borrosa, porque realmente marchei para o Seminario aos once anos, e daquela chegar a Trabada desde Sante xa supoñía o esforzo de ir a cabalo ou doutra forma, porque non había medio de transporte nin carreteira tampouco.
De Trabada teño unha memoria moi borrosa daqueles primeiros momentos.
Aos once anos, para o Seminario...
Era o impacto de non saber que iba pasar. Meu pai foi o que tomou esa iniciativa de que fose ao Seminario para conseguir unha formación un pouco máis completa. Daquela, para chegar ao Seminario, fisicamente, había que atravesar, non por carreteira que non a había aínda daquela, senón por unha serie de camiños de cabalo. Meu pai levoume nun cabalo desde Sante ata Mondoñedo, supoño que varias horas de camiño.
Aquel Seminario
O Seminario, daquela, estaba aínda empezando o traballo despois da guerra, nun tempo moi difícil. Era todo moi improvisado, sobre todo no Seminario Menor, que aínda que todo estaba unificado, a situación era que tiñamos que andar buscando onde colocar as cousas, buscar unha cama... Os dormitorios eran todos comunitarios, é dicir que cada un tiña a súa cama, pero despois tiña que levar todo. Todo, de forma moi provisional...
O ambiente, os amigos…
No Seminario, os do meu curso empezamos despois da guerra. Dentro da improvisación, era un ambiente normal daquela, moi disciplinado, con profesores e superiores un pouquiño dinámicos, Nós, non tiñamos unha gran capacidade de organización, pero deixabámonos levar. Por outro lado, era momento de escaseza de recursos; había que andar traendo pan, buscando que nos trouxeran algo de roupa e tamén, un pouquiño, a comida.
De feito, os superiores que tiñamos, que serían dous ou tres, traballaban o máis posible para acompañarnos e para darnos a necesaria orientación, porque daquela había que facelo todo.
A vocación
A vocación, máis ben, propiciouse alí dentro. Sin saber moito de que se trataba estar no Seminario, naquel momento era case a única posibilidade que había de adquirir unha certa formación, dada a situación das escolas daquela na parroquia de Sante. Entón, a vocación foi xurdindo das iniciativas dos superiores que tiñamos alí, eran poucos pero moi familiares para o grupo de alumnos que estabamos con eles.
Teño un recordo moi garimoso e agradecido daqueles tempos.
Os estudos, os compañeiros...
Naquel tempo, o Seminario era moi disciplinado a nivel de organización, de horarios, e por outro lado había tamén que esforzarse cos medios posibles…. Non había libros, non había alimentación axeitada… As casas dos alumnos tiñan que colaborar. Os superiores daquela estaban moi entregados a todo o que se podía facer, se podíamos conseguir axudas, que das casas nos mandasen alimentos e algo de roupa. O Seminario naquel momento estaba moi pobre e un tanto destartalado aínda.
Dos compañeiros… Penso que xa non quedan compañeiros daquel tempo de estudos. Tería que coller a lista e repasala ben, pero entendo que xa non quedan.
O paso do tempo…
A estas alturas da vida, que lonxe se ve aquel tempo!. Que rápido pasou...
Pasou rápido porque as circunstancias foron tamén tirándonos da corda, das iniciativas, das posibilidades que se ían dando en cada momento.
Pero si, realmente, pasou moi rápido.
En Roma
Cando terminei os estudios de bacharelato, como lle chamabamos daquela no Seminario, coincidiu que invitaron ás dioceses a colaborar na recuperación do Colexio Español en Roma, que quedara deshabitado despois da Guerra. Estaba baleiro e querían recuperalo e poñelo a funcionar. En Mondoñedo a nova foi ben recibida, e a través do meu párroco fixéronme chegar esta oferta e buscaron a posibilidade de que así fose… Non era aínda sacerdote nin moito menos. Tiña daquela rematados os estudos de latín e grego, que entran dentro de Humanidades, quinto curso… Supoño que, de acordo cos reitores do Seminario, considerouse conveniente que fose para Roma, e así foi.
En Roma empecei na Universidade Gregoriana os estudos de Filosofía e logo de Teoloxía. Fixen así tres cursos de Filosofía no Colexio Español de Roma, e cinco de Teoloxía.
A economía daquel tempo seguía sendo moi limitada, pero aínda así renovouse a estrutura do Colexio, a organización…. Tivemos uns superiores e profesores moi xeitosos, que fixeron un esforzo enorme. Eu estudaba na Universidade Gregoriana, vivíamos no Colexio, e tódolos días iamos á Universidade que tamén estaba daquela renovándose. Fixen alí os estudos de Filosofía e Teoloxía, durante dez anos… porque despois destes estudios o bispo Don Benjamín pediume se podía seguir os estudios de Biblia, polo que seguín en Roma estudando Ciencias Bíblicas, no Instituto Bíblico …
Un cura especial…
Non sei o que se esperaba de min. Esa é unha cuestión á que eu non poio responder, porque eu era daquela un simple alumno. Pero fun moi beneficiado no que se refire aos estudos. E rematei de estudar na Universidade Gregoriana, cos títulos oportunos e todo eso, cara ano ano 46. Ordenáronme o ano 1953.
Seminario de Mondoñedo
Ao estar tanto tempo fóra, foime difícil seguir a evolución do Seminario durante aquel tempo. Cando cheguei de novo, dediqueime especialmente á organización. E do 56 ao 66 fun profesor do seminario. Profesor e superior, pois había que atender aos rapaces, aos nenos, facendo con eles o traballo. O profesorado era, digamos, suplementario do que era máis importante, que era vivir toda a vida con eles, todo aquel tempo…
Hai que ter en conta que era un internado, moi improvisado ás veces, porque non había onde poñer á xente, cuns dormitorios enormes, para corenta ou cincuenta alumnos. Había que estar alí con eles, e todo eso levaba máis preocupación aínda que as propias clases: a atención persoal dos rapaces.
Devotos de Don Uxío
Se efectivamente os alumnos gardan de min un bo recordo -non digamos devoción- é virtude deles. Non merezo nada especial. Tiña moitas limitacións, e había moitas dificultades. Gardo un gran recordo daqueles tempos, moi bon recordo da xeneralidade dos alumnos, e tamén dos compañeiros que están todos, máis ou menos, na eternidade.
Mestre de Capela
Ao nomearme Mestre de Capela tiña que ocuparme e preocuparme de todo o tema musical que podía celebrarse na Catedral, empezando por buscar un grupiño de rapaces que puidesen cantar, darlles as clases oportunas, ensaiar… organizar tamén o sistema da música de órgano, que daquela estaba tamén recén iniciada despois da guerra,. Todo de xeito moi provisional. Ese foi o traballo que me tocou facer, en forma moi provisional todo, sobre todo atendendo as diversas celebracións que tiñamos, ver como se podía cantar, o que se podía facer, todo ese traballo… máis ou menos era o ensaio cos rapaces, nenos que estaban xa no Seminario e podían tamén participar nos actos solemnes da catedral. Todo moi improvisado…pero foi saíndo ben.
Formación musical
En Roma, mentres estaba estudando Filosofía e Teoloxía, pedíronme que, entre outros, colaborase nese aspecto, de prepararme musicalmente, de cantar, de organizar un pequeno grupo. Despois xa se buscou a maneira, dentro do posible, de que os alumnos do Seminario, algúns rapaciños que ían alí a estudar solfexo, participasen.
Tiñamos que axudalos a prepararse para ese traballo. Foi todo moi improvisado. Non había moitos medios nin capacidade de organización.
Sempre ao servizo...
O da música na Catedral de Mondoñedo é froito da tradición, sin empezar de repente como unha realidade determinada. Había unha tradición que cumpría continuar… E comezou a Coral de Obreiros Católicos. E tiven que ser Secretario Xeral do Bispado, unha grande responsabilidade; Delegado de Cáritas e do Clero… Lembro máis o de Delegado do Clero ca o de Cáritas, porque este posto supón ser o responsable de toda a organización, da formación do clero e do desenvolvemento das diversas iniciativas que se foran planteando… Facer grupos para ir polos diversos lugares da diocese presentando o programa diocesano.
Era unha grande responsabilidade ocuparse da formación, grupos de estudo, buscar a forma de orientalos... e de promover o traballo de formación.
En Sede Vacante
Certamente foi unha grande responsabilidade, entre 1985 e 1987, ser o Administrador da sede vacante; administrar a Diocese mentres se agarda por un novo bispo.
Se administrar unha diocese é unha responsabilidade, esta é aínda maior, agardando que veña alguén que ocupe o posto de forma definitiva. Sempre é un labor difícil esta administración, máis neste caso porque calquera iniciativa que houbese que tomar correspondíame a min como responsable diocesano das cousas que había que facer, ou que había que orientar. Foron días complexos, coincidindo ademais co traballo que daquela tiña no Seminario. Foi o momento de sentirse unha persoa importante a nivel diocesano, e de buscar que viñese un novo bispo. Esa era a máis grande preocupación.
Moitos agardabamos polo bispado para García Amor
En Mondoñedo, non procedía. E doutro lado… naquel momento non estaría eu dispoñible para ningún cargo dese tipo. Ser Bispo é unha carga notable, sobre todo cando un non ten capacidade de organización, e sobre todo cando un acaba de ver as dificultades que hai antes de ser bispo, vendo como se organiza unha diocese, as cousas que hai que facer, buscar as persoas axeitadas… e por outra parte, eu seguía tendo o traballo de parroquia, Todo se mesturaba para complicar a situación.
Vicario xeral da Diocese
Desde 1987, e durante seis anos, fun Vicario Xeral do Bispado. E aínda que poida parecer que o Vicario é quen leva o goberno, na nosa diocese non é así. Tal como é a nosa diocese, o bispo era o responsable de toda a iniciativa; eu, neste caso, era simplemente un servidor naquelas cousas que me pedían ou que me suxerían, pero así como iniciativa propia non se requiría neste posto.
As Pontes, Muras, Vilalba...
Nun momento dado o de As Pontes é un destino que me piden que acepte, a ver o que podo facer alí... Era un destino complexo, pola industria, polo ambiente, pero non excesivamente… podiamos vivir con certa normalidade, pero a nivel de parroquia As Pontes estaba tamén bastante improvisada, polas circunstancias que foron pasando de ser unha zona rural a ser zona gran industrial con todos os ingredientes que conleva iso… Alí, a Igrexa, era un elemento do antigo, do popular, e encontrarse con toda a parte industrial que se foi creando foi un esforzo notable tamén a nivel relixioso, pero foron as circunstancias que fixeron que as transformacións fosen relativamente asimilables.
O de Muras, foi ocasional. Muras, plenamente rural foi un plan de facer algo por iniciativa propia. Foi un elemento secundario. Iba desde as Pontes atender a parroquia, sen chegar a vivir ali. Eran traslados continuos, con estradas difíciles… tiñamos unha casa alí, como é lóxico, pero non vivín alí. Era un lugar de encontro. As Pontes si que foi algo intenso.
E por fin, Vilalba… E van 21 anos. Foi todo unha experiencia que temos vivido, e seguimos vivindo. Vir aquí non foi iniciativa miña, senón das circunstancias que foron concorrendo. O notable foi que tivesemos aquí unha casa organizada e preparada.
En Vilalba había un local de referencia para o noso traballo e para que puidesemos vivir aquí tres curas xuntos. Antes, era un cura só, e logo organizámonos, repartimos o noso traballo. Foi unha cousa improvisada tamén. Supoño que por parte do bispo, na curia diocesana xa terían unha organización prevista.
Querido en Vilalba
En Vilalba, nótome querido e apreciado. Teño moitas experiencias de sentir esa capacidade de recoñecemento, e de darme as posibilidades que moito non merezo. Porque algo pode ser polo que teña feito aquí, pero tamén do que houbo antes ca min. Porque o cura que estivo antes ca min -Jesús Gómez García- foi tamén de grandes iniciativas, e as oportunidades que deron a nivel político, por así dicilo.
Director do Orfeón de Mondoñedo e da Polifónica de Vilalba
O tema da música na miña vida foi algo bastante ocasional, no sentido de que non foi buscada por min senón por circunstancias que me proporcionaron unha pequena posibilidade para aprender algo. Daquela igual non había xente disposta para isto da música. Pero tamén quedei satisfeito desa posibilidade, de que me asignaran ese traballo e tamén esas posibilidades de formarme.
Fixen os estudios musicais en Roma, e todo me parece froito dunha providencia peculiar. Do Señor de arriba, pero tamén das circunstancias que me coincidiron coas diversas xerarquías daqueles momentos.
A dirección de coros en Mondoñedo empezou co cargo de Mestre de Música da Catedral, que me pediron que fose aparte das clases que daba no Seminario. O cargo de Mestre de Capela supoñía que había que organizar un coro. Circunstancias ocasionais non buscadas por min, pero que me comprometeron a traballar neste campo.
En Mondoñedo xurdiu o Orfeón de Obreros Católicos, e en Vilalba encontreime coa Polifónica Vilalbesa que dirixira o anterior párroco… Son dúas experiencias vitais dignas de ser vividas, moi gratificantes.
Trabada e Vilalba
Vilalba vive momentos de expectativa, de esperanza… e eu síntome unha pequena cousa para traballar nesta terra e para este xente. É un lugar de privilexio, moi prestixioso, con numerosos personaxes que se deron aquí e fixeron grande esta terra.
De Trabada moito me gustou que fose renovándose. Fixéronme Fillo Predilecto dese concello ao que Celso Currás -que por certo, era de Villalba- lle deu un gran impulso. Fun nativo de alí, e vivín intensamente a vida daquela zona en tempos aínda moi primitivos, e polo tanto síntome moi privilexiado por poder ser daquel concello Fillo Predilecto.
Futuro
O futuro para min ten que ser moi curto xa. Non é posible sabelo, pero noventa e tres años xa pesan un pouquiño; xa hai que mirar o futuro máis para arriba. Pero, eso si, o meu futuro é estar dispoñible para o que poida ser.
O mundo de hoxe? Pois mirándoo coa esperanza de que poidamos ir mellorando. Con bastantes momentos de dificultade, de escuridade, pero hai que confiar en que poidamos ir mantendo a nosa vida e o traballo feito.
En xullo de 2022, o Bispo de Mondoñedo, Monseñor Fernando García Cadiñanos dispuxo o cese como PÁRROCO IN SOLIDUM DA UPA DE VILALBA de Don Uxío García Amor, crego de especial carisma ao que os seus antigos alumnos veneran e do que todos os que o coñecemos e admiramos gardamos unha lembranza imborrable.