Ramón Loureiro

Luminoso sinal de Deus Noso Señor

Sinto un grande afecto e unha grande admiración por don Uxío García Amor, que na miña opinión particular, ademais dun verdadeiro santo, é, sobre todo, un luminoso sinal de Deus Noso Señor. Home dunha xenerosidade infinita, toda a súa vida é un formidable exemplo de entrega aos demais e de compromiso coa fe. Extraordinario poeta e brillantísimo músico, don Uxío encarna o mellor desta Diocese de Mondoñedo-Ferrol nosa. Unha diocese que navega, a través da historia, mantendo viva a herdanza daqueles primeiros cristiáns bretóns chegados polo mar que, con bispos coma Mailoc á fronte deles, viñeron traer, á Galicia do Norte, a mensaxe de que nos ollos dos vencidos está o rostro de Deus. Nunha ocasión soñei que os Reis Magos, ao pasaren por Vilalba no medio da noite, o vían a el, a don Uxío, a través da ventá, escribindo un poema, ou tal vez unha canción. Desde aquela, ese soño sempre camiña comigo. E moito me reconforta o corazón.

Ramón Loureiro