É para min dobremente grato escribir estas liñas para recordo de don Uxío García Amor, xa non só polo moi merecido que é, se non tamén porque é o momento de facelo, cando se dispón a residir de novo na terra que o viu vivir os seus mellores anos e á que axudou a moldear e cando aínda pode ler estas nosas palabras.
Máis a miúdo do que nos gustaría lembramos de maneira póstuma a quen nos fixo tanto ben e axudou a moldear o mundo no que nos gusta vivir e, por tanto, é un pracer especial para min como representante da cidade de Mondoñedo poder dirixir as miñas palabras a quen aínda pode gozar do agarimo que portan como un veciño agradecido máis.
Sería redundante nun libro onde se tratará a súa persoa falar dos anos que pasou don Eugenio formándose en Roma onde se licenciaría en filosofía, teoloxía e ciencias bíblicas; dos cargos que desempeñaría nesta cidade como profesor no seminario conciliar, mestre de capela da santa igrexa catedral, secretario xeral do bispo, delegado diocesano de Cáritas, administrador diocesano en sede vacante, vigairo xeral, etc. Tantos e tan ben traídos que no seu momento levaríanlle a ser considerado como principal para o cargo de bispo como ben diría don José María Díaz nas letras que lle dedicaría no 2013 con motivo da homenaxe ao seminario conciliar.
Profundar na súa faceta como teólogo, músico, poeta e mesmo administrador será labor doutros, o meu tomareino desde unha perspectiva máis mundana, deixando que dous piares da miña comunidade falen pola miña boca do moito que significou don Uxío para Mondoñedo
Un ama de casa que superou xa a setentena e un funcionario xubilado serán os meus adaíles, os meus portavoces en tan nobre tarefa. Auténticos piares da comunidade, pois cada día das súas vidas decidiron desinteresadamente axudar a construír co seu traballo esta sociedade que amamos, porque nun mundo bo todos somos piares tan imprescindibles para a súa existencia como o máis elevado dos ministros ou o máis formado dos matemáticos.
A voz da miña querida señora retrata con nitidez a faceta de don Uxío como mestre do Orfeón Pacheco, é enternecedor como pasados xa máis de 40 anos está viva na súa mente a figura de tan grande home, como o estivo cando afinaba as voces de tantos e tantas mindonienses para deleite doutros moitos que tiveron a oportunidade de gozar das interpretacións do coro.
Máis dunha hora foi precisa para que a miña boa amiga me contase todo o moito que lembraba ao noso homenaxeado pastor, mentres repasaba un conxunto ben nutrido de recortes de xornal, pequenos libelos, folletos, invitacións e demais recordatorios da estancia de García Amor neste traballo que desempeñou con amor e proximidade. Nin tan sequera unha palabra de reproche cara á súa persoa saíu da súa boca, só gratitude e morriña cunhas certas pinceladas de nostalxia e ansiedade por volver telo preto aínda que sexa xa na súa senectude.
Esta faceta de docente de adultos na arte do canto, que tamén desenvolvería como músico e poeta, compleméntase perfectamente co meu segundo lanceiro.
Se nos adultos que sabemos discernir e perdoar os humores cambiantes do próximo é relativamente difícil deixar tan marcada pegada positiva, canto máis o é nun neno. Para estoutra voz don Uxío foi Pai Espiritual no seminario conciliar no ano 64, cando estudaba para sacerdote. Aínda que o seu destino non foi servir ao noso Señor, os seus recordos sobre aquela década longa estudando para iso marcaron fortemente o seu carácter. E don Uxío foi, nas súas palabras, o mellor recordo que conserva daqueles anos, e hai que ter en conta que non son poucos os que atesoura, a maioría bos.
Unha alma tenra, caritativa, próxima en Deus aos mozos e coa que se podía falar de todo no máis pleno espírito de reforma vaticana que asolagaba as aulas daqueles anos sesenta do pasado século.
Non é estraño con tan fortes voces saíndo na súa defensa que don Uxío sexa ante todo un mindoniense querido e lembrado, unha persoa que, mais alá dos seus oficios de cura de almas, chegou aos corazóns dos mindonienses e deixou en todos unha pegada indeleble. Como outros sería un perfecto representante da nosa igrexa de vocación franciscana, mendicante, humilde, traballadora...
Moitos dixeron que mesmo a mitra de bispo lle fora ofrecida e el rexeitáraa na súa humildade e o seu desexo de manterse no labor de cura próximo e sinxelo que tanto lle gustaba. Aí entramos en rumores que só el pode confirmar, aínda que ben sería de razón coñecendo o seu carácter. Así é que tan excelsa persoa pasou as últimas décadas como simple sacerdote de pobo, traballo que ben feito non é pouco senón tarefa de gran responsabilidade que soubo levar da mellor maneira, como os seus últimos fregueses saben ben.
Agora na súa xubilación terémolo de novo entre nós, vivindo nos muros que un día foron o seu templo, onde educou a tantos e axudou a conducir a outros moitos. Só esperamos desde aquí que a súa estancia sexa o mais longa e feliz posible podendo de novo os veciños que foron seus visitalo e renderlle a súa amizade e agarimo.