Germán Castro

Don Uxío: a música como arte e valor na formación e o humanismo como filosofía de vida

Lamento ter moi borradas as páxinas do Seminario. Tiven, iso si, a oportunidade de reactivar lembranzas ao formar parte da comisión organizadora da homenaxe que se lle tributou á devandita institución no outono de 2017.

No en tanto, hai persoas e maxisterios que se impartiron naquel Seminario de Mondoñedo que quedaron moi prendidos na miña memoria e, estou convencido, na de moitos dos que pasaron polas súas aulas na época dos anos cincuenta en diante. Pois, nesta “orla” de profesores singularmente lembrados aparece, sen dúbida, don Uxío García Amor. Ademais da súa erudición como músico, a imaxe que teño del é a dunha persoa íntegra moral e intelectualmente. Víase daquela como un dos bos e xenerosos. O tempo confirmou o que digo. O noso homenaxeado describiu até o de agora unha tan longa como acrisolada traxectoria na que emerxe axigantada a súa talla humana, ademais do seu compromiso co labor pastoral e co mundo da cultura a través da arte da música.

Desde a miña conciencia agnóstica e xogando se cadra coa metáfora, se houbese que asinar nalgún sitio o apoio a unha candidatura de don Uxío á categoría de santo, trataría de ser o primeiro en estampar a miña firma. Distingo entre as súas virtudes e bondades a honestidade e a humildade. Un home (cura) que se amosa coa mirada limpa e sinxela. Kant dicía que a humildade é a virtude central da vida.

Teño que recoñecer que me uniron a el lazos especiais por terme elixido para formar parte da “Schola Cantorum”. Mesmo segundo cheguei a Mondoñedo procedente de Lourenzá fíxome, como a moitos, un test que, ao seu ver, superei idoneamente, empezando xa como tiple a miña participación naquela selecta coral que dirixía don Uxío e na que sobresaía como tenor solista, cun rexistro moi singular e admirado, Antonio Domínguez, crego que tamén transita polo territorio vilalbés.

Recordo con verdadeiro agarimo as actuacións da Schola nas solemnidades relixiosas celebradas na catedral de Mondoñedo, e tamén gardo na memoria unha intervención no Congreso Eucarístico de Viveiro. A min gustábame tanto cantar como escoitar. Non sei se o soñei ou foi realidade, pero gardo no miolo que algunha vez téñome agochado nos sillóns nos que se sentaban os cóengos na Catedral, para escoitar as intervencións da “Schola Cantorum”. Os matices cáptanse mellor desde fóra.

Valoro moito a coralidade cando as voces afinan e harmonizan ben e observan con rigor os “tempos”. Don Uxio coidaba moito estes aspectos, como é obvio. A música boa, de calidade, é un goce para os sentidos e, sobre todo, motiva e enriquece o espírito.

Aínda hoxe, cando me deixo ir coas Estacións de Vivaldi ou a Novena de Beethoven, clásicas, entre outras, que poñían pola megafonía interior e que servían de “despertador” na hora de erguernos de mañanciña, agudízase en min a nostalxia, consciente de que a música foi un dos valores e sensibilidades cos que medrei e conservo.

Con brancas ou negras, corcheas ou semicorcheas, con compás binario ou de compasillo, quero cantar, agora xa coa voz “oxidada” e marcada polas “feridas” do tempo pasado, pero coa mesma ilusión con que, como solista, entoaba no salón de estudo durante o mes de maio o “Tomad Virgen Pura”, ou desde o coro da capela abría con algunha peza gregoriana-quero cantar e canto:

Grazas, por todo, benquerido don Uxío.

Salutem pluriman!