Francisco Martínez Sánchez (Pacurri)

Uxío, o ben nado

Están a crear una páxina web como homenaxe a Uxío García Amor. Síntome moi feliz de poder colaborar co meu pequeno grao de area. Mais non quixera con este cometido mancar os lazos de humildade tan característica do meu ben querido Uxío.  Se “a verdade é humildade”, espero que me deixe  abrir  meu corazón ao recordo franco dos meus anos de alumno, primeiro, e de compañeiro en docencia e pastoral, á súa beira, anos mais tarde. El foi peza axeitada no puzle da miña educación, xunto a esa excepcional dinastía formada polos Porta, Prieto Verdes, Fernández e Fernández, Xosé Mari, Xaime, Dino, e un longo etcétera.

A súa vida sempre estivo marcada pola coherencia e o compromiso humano e sacerdotal. E esa esencia divina, coa que o bo Deus o adornou, pola súa graza, tocounos a min e a moitísimos mais. Brindo por iso! Dende sempre coñecino como auténtico, medularmente auténtico. Así, tiven a oportunidade de dalo a coñecer ao meu ben querido bispo en Francia, seguindo unha carta súa, como responsable accidental á fronte da diocese Mondoñedo-Ferrol,  onde me pedía que volvese á diocese. O seu silencio posterior ante a miña resposta foi moi elocuente: inmensamente prudente e moi respectuoso cos meus compromisos pastorais e universitarios aínda pendentes en Lyon.  Moito antes, fíxome ver que a mediocridade non tivo nunca destino na súa vida. Xa estreando o meu sacerdocio, tiven a fortuna de uliscar de preto o seu “olor a ovella” nos seus tempos de cura rural de Fórnea. Foi pouco tempo, pero abondo para deixar ben estampado en min ese mundo evanxélico que levaba dentro. Outro tanto dirase do seu paso por As Pontes, e agora Vilalba.

Dos meus tempos de estudante, recordo as súas clases ben documentadas, sen facer alardes da súa ben dotada sabedoría. A el débolle o gusto pola Sacra Escritura (Que clases aquelas de Introdución á Biblia!), e pola poesía que, groliño a groliño, arribou en min. Neste intre, lémbrome dos seus poemas, na revista Estría, e das correccións que me facía nas miñas primeiras poesías, ou a ilusión que creou en min para que ampliase estudos en Madrid e posteriormente en Lyon!

Foi, e é hoxe, poeta orixinal. Veño de constatalo, una vez mais, achegándome á súa alma, a través do seu libro titulado “Poemas da miña vida”, que tivo a delicadeza de facermo chegar por correo a Granada. Moito llo agradecín!

Asceta e místico, daquela ata hoxe. Compromiso seu fundido na miña alma, dende a adolescencia… ata agora, xa octoxenario. Exemplo de perseveranza, introducíndose, xa maior, no mundo da música, coa guitarra, o harmonio, a “Schola” do Seminario, o Orfeón de Mondoñedo, a coral de Vilalba… Logrou que máis de un andásemos remando, aínda hoxe, a través de pentagramas.

Hoxe, dende este meu feliz “exilio” granadino, vexo a un home, ben nado, co evanxeo de Xesús pegado ao seu corazón, sen arrialo xamais, ata o atardecer dos seus anos, -Máis de noventa ledos anos!-, cubertos de servizo, sabedoría e humildade, sen ambigüidades. Así foi sempre meu querido Uxío!  

Un día, alá lonxe, premiou, nun concurso literario no Seminario, o meu slogan: “El sacerdocio es cantar la cruz sin bajarse de tono”. Pois ben, cheo de gozo, “devólvolle” agora o premio, porque el, músico espiritualmente excepcional, xamais baixou de ton ao cantar, a diario, o seu sacerdocio. Graciñas a Uxío, Eugenio, o ben nado,  polo seu testemuño! Pido ao noso Pai do Ceo que nos conceda a graza de chegar a festexar ledamente o seu centenario de vida. Polo menos que nolo conceda a cantos quixemos emulalo e quedamos no camiño.