Fernando García Cadiñanos

Obispo de Mondoñedo-Ferrol

MESTRE DE VIDA SACERDOTAL E DE HUMANIDADE

Na persoa de D. Uxío mestúranse diferentes facetas que é bo lembrar. Profundo humanista, trátase dun deses homes de Igrexa que souberon achegar, desde a auténtica sabedoría, camiños de desenvolvemento e de humanidade. E todo iso desde a certeza de que a fe, aínda que algúns a relacionen coa escuridade, é un ala que nos axuda a sobrevoar e albiscar horizontes con máis claridade. Por iso, como pastor desta diocese mindoniense, únome orgulloso a esta homenaxe colectiva a D. Uxío.

Unha formación moi completa

Todos sabemos que Uxío, nado en Sante (Trabada) o 7 de novembro de 1928, destacou pola súa formación académica. Tras o seu paso polo Seminario de Mondoñedo, e cun magnífico expediente, é enviado a Roma. Sempre lembrará de bo grado o seu paso pola cidade eterna, tanto na Universidade Gregoriana, como no Pontificio Instituto Bíblico ou no Colegio Español de San José. Citar o seu nome aínda causaba admiración pasado o tempo. Non en balde, conseguiu bolsas para sacerdotes da diocese que foron enviados posteriormente alí. Os seus excelentes dotes como estudante e a súa calidade humana tamén lle valeron o aprecio da Academia Pontificia de Música Sacra. De Roma regresou cunha formación moi completa, pois os momentos a vivir así o esixían. De feito, D. Uxío regresou de Roma coa licenciatura en Filosofía, Teoloxía e Ciencias Bíblicas. Ademais do seu expediente, seguiu cultivando a vea poética de artista. Vale tamén a pena lembrar da súa estancia en Roma a súa pertenza ao famoso grupo Estría, da época de Martin Descalzo ou de afamados biblistas españois como Luís Alonso Schökel, como lembraba Joaquín Luís Ortega:

Andaban aínda por alí e pola Gregoriana nomes tan sonoros e tan entrañables como Eugenio García Amor, Manuel Revuelta, Anxo Alcalá, Ignacio Escribano, amén do citado Martín Descalzo, e con apoios romanos tan estimables como os de García  Villoslada, Alonso Schökel e José María Valverde. En Italia eran os tempos do neorrealismo. Algúns dos seus mestres, como Vittorio de Sica, pasaron entón polo  cineforum que abrimos no Colexio para toda a colonia española. Martín Descalzo, xa entón galardoado cos seus primeiros premios literarios, era a salsa de todas aquelas actividades literarias e creativas”.

Mestre de cultura

Ao regreso a Mondoñedo a súa misión sacerdotal foi o Seminario. Desde as aulas desbordaría ilusión: quería contaxiar o amor á sabedoría que el albergaba e cultivaba. Foi profesor de Sacra Escritura, Lingua e literatura españolas, de grego, francés, música e historia da arte. Nos primeiros tempos de profesor foi tamén director da Schola  Cantorum do seminario, vicerreitor e  formador. Na catedral foi tamén mestre de capela. A súa paixón pola música levouno a dirixir varias corais, tanto en Mondoñedo como nos lugares nos que foi desenvolvendo a súa misión pastoral con posterioridade.

Cos aires renovadores do Concilio Vaticano II

O momento eclesial que viviu foi moi interesante. Educado nunha época, sóubose  enfundar os esquemas novos que ían xurdindo para a comprensión dos novos aires que se impoñían como necesidade e autenticidade evanxélica. Son moi interesantes os testemuños que en todas as dioceses se deron desta renovación. D. Uxío formou parte importante dunha serie de sacerdotes diocesanos que trouxeron de fóra os aires de renovación que xa se respiraban noutros lugares de Europa. Será por iso que sempre foi percibido no seo deste presbiterio mindoniense coma un home aberto a valorar as achegas alleas, sempre cun espírito construtivo. Participa, sen dúbida, desa xeración que, tendo por cabeza ao gran bispo D. Jacinto Argaya Goicoechea, promoveron a renovación conciliar na nosa diocese. D. Uxío fixo verdade aquilo que a constitución  Gaudium et Spes dixo con palabras inesquecibles: “Os gozos e as esperanzas, as tristezas e as angustias dos homes do noso tempo, sobre todo dos pobres e de cantos sofren, son á vez gozos e esperanzas, tristezas e angustias dos discípulos de Cristo”.

Un humanista humilde

A enorme formación de D. Uxío non foi causa de gloria propia senón que, ao revés, achegouno máis á xente con espírito de bo pastor. Co corazón cheo de esperanza e de alegría, os seus xuízos sobre os demais sempre foron moi ponderados, respectuosos, sabendo sacar a relucir sempre o positivo antes que o negativo. Será que leva dentro esa capacidade do artista escultor para sacar á luz a obra a base de paciencia.

A súa obra literaria é amplísima. De entre toda, quixese destacar: “Versos en mi vida”, unha obra que sorprende pola calidade e a beleza formal, pero tamén pola solidez e intensidade e espiritualidade apaixonada dos seus contidos. Os sacerdotes sabemos tamén dos versos que todos os anos dedicaba aos sacerdotes que cumprían vodas de prata e ouro, sempre unha síntese marabillosa da súa vida plasmada en poesía.

Un bo pastor

Pero, ante todo, D. Uxío é un sacerdote. A Xesucristo, que o chamou desde neno, entregoulle toda a súa vida e todo o seu quefacer. As súas poesías e as súas músicas diríxennos cara a El. As súas conversacións e diálogos apúntannos cara a el. Entusiasmado no ministerio e na entrega ás persoas que se lle confiaron, pódeselle ver aínda na parroquia de Villalba. E é que D. Uxío non se asentou nun sitio, senón todo o contrario, foi alí onde o seu bispo o necesitaba, como un servidor bo e fiel (Mc 9,35). É  vox populi que D. Uxío puido ser bispo; sen dúbida, os seus dotes de goberno tívoos que exercer en numerosas ocasións, sobre todo cando foi nomeado Administrador apostólico.

Cóntanme que, entre as decisións máis importantes foi a de crear o Teologado de Mondoñedo-Ferrol para a residencia dos seminaristas que se estaban formando no Instituto Teolóxico Compostelán. Esta decisión era coherente coa creación dese mesmo Instituto, como consecuencia do Concilio Pastoral de Galicia. Nesta mesma liña, tamén adoptou como praxe habitual no seu labor pastoral a Liturxia en galego, despois da aprobación do  misal en 1985.

Pero gustaríame destacar que foi un pioneiro da formación permanente nas súas facetas que chama Pastores Dabo vobis: humana, intelectual, espiritual e pastoral. Por iso é polo que foi tamén un dos impulsores das Xornadas anuais de Formación sacerdotal de Poio (Pontevedra), organizadas polas dioceses galegas.

Chámame a atención que significa unha referencia indiscutible para o clero da nosa Diocese. Sen dúbida contribuíu a iso a súa calidade humana, especialmente a súa humildade. A súa calidade intelectual, que xa destaquei, e o seu celo pastoral, que sempre foi envexable. A iso contribuía o seu convencemento de que o presbiterio como familia faise desde os pequenos detalles. Baste lembrar que, como administrador diocesano, atendía parroquias no seu concello natal, facendo máis de 120 quilómetros cada vez, ademais de substituír a todo sacerdote que llo pedise.

Un podería dicir ao final: dada a súa formación podería ser unha gran figura, un gran bispo, unha referencia intelectual… Pero D. Uxío preferiu estar na periferia e sinxeleza desta diocese… e iso é marabilloso. Soubo comprender que un non pode abandoar á súa familia, a unha diocese pequena e pobre, aínda que esta non o aprecie todo o que merece, aínda que non poida desenvolver todo o que vale. Por iso, pola súa inmensa xenerosidade, foi unha bendición e unha inmensa fortuna telo entre nós.