Félix Villares Mouteira

DON UXÍO GARCÍA AMOR, HOME BO E XENEROSO

Don Uxío García Amor -o P. Uxío, como lle chamamos moitos- é un home "bo e xeneroso". Si, pódenselle aplicar, con toda propiedade, estas palabras do noso himno.

Coñecín ó P. Uxío hai moitos anos. Foi aló polo ano 1960 cando pasei do Seminario Menor de Lourenzá ó de Mondoñedo e el ocupaba o posto de Vice-reitor e Secretario de Estudios. Logo foi profesor meu de Literatura, Historia da Arte, Introdución á Sagrada Escritura e Música (nesta materia non fixo moito comigo, non porque el non soubese, senón porque teño unha orella fronte da outra). Tiven moita relación con el pois eu era o encargado da multicopista -de alcohol- e facíalle todas as semanas as copias das partituras para o ensaio semanal de cantos. Desde entón manteño unha moi boa relación con el.

De don Uxío cómpre salientar a súa dispoñibilidade para todo o que se lle pida, para todo o que faga falla; a súa sinxeleza para abaixarse a quen queira que sexa; o seu espírito observador; a súa actitude de servizo ós demais; a súa fidelidade á súa terra e ós seus homes; o seu talante de persoa tolerante, pero con firmeza de criterios; os seus amplos coñecementos e a súa curiosidade por saber máis; as súas profundas conviccións relixiosas.

Fiel a este noso país e promotor do uso da lingua galega na liturxia e non só na liturxia, senón tamén na vida cotiá. Fai poucos días, de xeito casual, descubrín unha carta dun cura, cando don Uxío era Secretario Chanceler da diocese, na que lle manifestaba: “Dicíasme en Pontedeume que a ver cando eu me dignaba escribir á Curia na nosa fala; ahi che vai”.

Don Uxío, Chairego de Honra  (2012)

Don Uxío, Chairego de Honra  (2012)

O padre Uxío, como el mesmo escribiu, foi sementando a súa vida con pequenos versos, dos que unha parte deles viron a luz no libro Versos en mi vida, que conta con dúas edicións: unha no ano 2003 e outra, ampliada, no 2014. Comezou a escribir versos cando era estudante no Seminario de Mondoñedo, berce de tantos poetas e escritores. O Seminario mindoniense foi para os poetas que formaron nas súas aulas, usando uns versos de Aquilino Iglesia Alvariño, “un alpendre de sombra e de luar / para cantar”. Unha parte dos seus poemas están escritos en castelán e corresponden, sobre todo, a cando estaba estudando en Roma. Alí colaborou na revista Estría, que levaba o subtítulo de Cuadernos de poesía que edita el Colegio Español de Roma. A maior parte da súa poesía está escrita na nosa lingua que manexa cun perfecto dominio. Así escribiu: “síntome galego na poesía como me sinto galego na vida de cada día”.

Na lapela de Versos en mi vida dise: “A poesía é, desde logo, o fío de ouro que percorre a súa vida e a clave mellor para entender a súa longa traxectoria, na que floreceron a amizade, a entrega, a sinxeleza de espírito e o desposeimento de toda follarasca. El ben podería dicir, coma frei Luis de León, que os versos que se recollen neste libro, fóronselle caendo das mans ó pasar”. Malia que non se prodigase máis como poeta.

O P. Uxío é un home acolledor, un home respectuoso e tolerante cos demais e coa súa maneira de pensar. Podemos afirmar, sen dúbida e sen medo a esaxerar, que don Uxío é o "vir iustus" de quen fala a Sagrada Escritura.

Don Uxío é pois, como dixen ó comezo, un home "bo e xeneroso".