Elba Veleiro Fernández

Alcaldesa de Vilalba

Verbas para D. UXÍO

Como alcaldesa é frecuente ter que dedicar a palabra a unha persoa ou a unha institución e por diversas razóns, non sempre é doado, pero ese non é o caso de Uxío García Amor.

Cando el chegou a Vilalba viña precedido da sona do seu extenso currículum en diversos cargos vinculados á Igrexa como sacerdote e tamén como profesor, como escritor ou como amante da música e coa descrición de ser persoa afable, próxima e preocupada polas persoas e os seus problemas, e a boa fe que así era.

Por iso hoxe vou a dirixirme a el no plano persoal:

Benquerido D. Uxío,

Non lembro cando nin onde nos atopamos por primeira vez en Vilalba e puidemos falar uns instantes, pero desde entón e cada vez que coincidimos sempre tiven a mesma sensación de proximidade, de respecto e de paz.

O mesmo daba que coincidisemos nun Festival de Corais ou nun concerto da Banda de Música; nunha representación teatral ou nas reunións do Padroado da Fundación Hospital Asilo; na celebración do seu 90 aniversario ou nos actos das Festas de S. Ramón e Sta. María; como profesional da medicina ou como política... sempre co seu sorriso, cunha mirada atenta, escoitando se había algún problema e, con prudencia e respecto, acehgando un comentario na procura da solución máis axeitada, sempre en positivo e con palabras agarimosas para todo e para todos.

É posible que no futuro coincidamos en menos ocasións e non poida dicirllo en persoa, por iso aproveito para deixar aquí con todo cariño a miña humilde declaración.

GRAZAS, benquerido D. Uxío!