Don Uxío, un cacho de pan
Tan pronto como me invitou Xulio Xiz a colaborar na homenaxe de Don Uxío, comezoume a remoer na cabeza a miña relación con el e amontoábanse de tal maneira unhas encima das outras que me esixían unha escolma. Todo pola miña admiración ao profesor, director musical da escolanía (Schola Cantorum) do Seminario, da súa forma de actuar na pastoral como cura e tamén como responsábel da curia sede vacante e como biógrafo da memoria dos compañeiros que nos precederon.
Despois de responderlle que era unha honra para min compartillar en tal evento, comecei a lembrar desde que don Uxío viñera de Roma e comezara a participar nos últimos cursos da nosa formación para sermos futuros curas. O seu estilo era tan singular que se nos fixo así como familiar.
Téñoo na memoria como profesor especialista da Sagrada Escritura, ciencia teolóxica básica da nosa fonte inconmensurábel do cristianismo, que hoxe en día, sobre todo a partir do Concilio Vaticano II, avanzou tanto, que mesmo nos abraiou e nos afianzou máis como verba humana e divina. Ben, pois eu lembro, rematando os anos cincuenta, telo de profesor presentándonos as directrices canónicas para sermos lectores entusiastas da Biblia como signo memorial de salvación.
Unha das facetas que máis me axudaron a gozar o meu paso polo Seminario foi a música. Lembro a súa instalación dos altofalantes polos corredores das habitacións. Ao erguernos da cama pola mañá, nos foi introducindo na escoita abraiante da música clásica: as sinfonías de Beethoven, Mozart, Bach, Händel, que ía presentando no taboleiro de anuncios; aprecio a súa delicadeza na dirección da escolanía percorrendo o folclore da nosa terra e dos máis pobos de España; facéndonos co-partícipes no ensino do solfexo a cursos inferiores, co premio de pagarnos un cursiño de música gregoriana en Salamanca. No penúltimo curso, 1958-59, Fole, Domínguez e eu, traballáramos un pouco por galeguizar o noso paso polo Seminario, mais só co folclore, ano 1958; fixemos todo o traballo, composición musical, letra, debuxos, aquí aparece, por primeira vez, a arte pictórica de Laurentino, e editamos á multicopista o libriño “Na Terriña”, que contiña as cantigas con letra e música tantas veces utilizadas nas excursións anuais, nos encontros e polos recreos e paseos. Mais o presuposto non chegaba. Ben cadrou que don Uxío pagou un número considerábel de exemplares. En resume, a súa espiritualidade víaselle tamén na música, pois ensinounos a facer do canto, sobre todo gregoriano, oración.
Teño tamén o aprecio da súa labor cando foi elixido na curia como responsábel da marcha pastoral durante sede vacante na Diocese. Soubo acoller e entender o compromiso social dos cregos de Ferrol e do compromiso co nacemento do movemento galeguista na Igrexa atraveso de Irimia, Encrucillada, etc. Foi unha chave que mantivo sen agrear demasiado as relacións coa xerarquía galega, aínda que nese campo outros que estiveron máis cerca desas tarefas, saben explicar mellor estes tempos que nos tocou “pelexar” con Suquía, Rouco Varela e sucesores. Neste campo si lle preguntaría, se non é moita a molestia, por que non presidiu a Misa da Romaxe que se celebrou, hai dous anos, na fermosa área da Madalena de Vilalba o ano 2019? Pois víñamos sabedores que sería Don Uxío o Preste celebrante.
Outra admiración que lembro de don Uxío son aquelas biografías de curas que eu lle lía, polo ano 2010, con agrado e emoción na páxina Web de GALICIADIGITAL. Aí están gardadas como xoias para todos os que queirades lelas coa emoción contida do nosos admirados don Gabriel Pita da Veiga, José Prieto Verdes e Darío Balea Méndez, e dos compañeiros nosos, que nos precederon xa tan cedo, Xavier Méndez e Mejuto Sesto. De Xavier preséntanos un músico extraordinario para a liturxia en galego. Moitas veces falamos de adicarlle un estudo de descuberta deste personaxe de cualidades musicais extraordinarias; son eu testemuña ao falarmos cando andaba polos estudos de composición e harmonía; canto gustamos dos “Salmos Para a Nosa Terra”!. Esta marabilla musical con aires da Terra para a liturxia aparece no esbozo que lle adica don Uxío. E por último, Mejuto Sesto, outro valor, que se nos foi cedo, nolo presenta don Uxío transformado desde que foi de capelán a Nimes, Francia, onde “o seu traballo pastoral supuxo unha lección moito maior da que poidas recibir na mellor universidade”. Confirmo a frase que transcribe don Uxío, pois téñolle ouvido a Mejuto “aprendín a Memoria Histórica cos exiliados da persecución franquista, republicanos e comunistas”.
Estas son as miñas impresións desta senlleira persoa como sacerdote en servizo perenne á xente do pobo e á Igrexa que el tanto serviu e serve. A frase que lle teño escoitado á xente é: “Don Uxío é un cacho de pan”.