Antonio Rodríguez Basanta

Recoñecemento e gratitude a don Uxío

Agradezo a ocasión para sumarme a esta homenaxe ben merecida a don Uxío García Amor, coma outras que se lle fixeron anteriormente. Podo resumir en dúas expresións o que eu sinto ante tan respectable, querida e importante personalidade da nosa diocese de Mondoñedo-Ferrol: admiración e agradecemento.

Admiración porque don Uxío, como persoa e como sacerdote é único. Nel danse unha serie de calidades que raramente vemos noutros: un home amable, acolledor, sempre positivo e agradecido, humilde, servicial, xeneroso, austero, asceta e ata místico. Infinidade de detalles e feitos da súa longa vida dan proba delo. Nunca lle escoitei unha queixa nin unha crítica e moito menos un xuizo negativo sobre ninguén. Ao contrario, todo o pondera, valora e agradece. Para min é un referente como sacerdote particularmente pola súa preparación – como polifacético tocou bastantes teclas do saber –, pola súa capacidade de asumir os cambios e pola súa disponibilidade para servir: aí está un longo e variado percorrido de destinos, encargos e responsabilidades na historia recente da vida diocesana.

Rodríguez Basanta

Don Uxío, coa equipa da Unidade Pastoral de Vilalba acollendo a visita do bispo Luis Ángel de las Heras

E tamén agradecemento. Fixareime en tres detalles que tivo para comigo. Primeiro como profesor sabio e á vez paciente, mesmo ata o extremo, cos seus alumnos. Cántos momentos de apuro e incomodidade lle fixemos pasar nas clases, nós, alumnos adolescentes inquedos!... Máis adiante, cando no meu primeiro destino en Cabanas (O Vicedo) me veu visitar e ao non atoparme na casa, deixoume unha nota de saúdo coa súa fina caligrafía, pedíndome que se lle ía predicar a unhas parroquias da zona de Trabada que atendía desde Mondoñedo ou desde Ferrol, con ese espírito de servizo que non repara en quilómetros. Aquel detalle de que un cóengo da curia me fora a ver a unha parroquia de aldea, tan distante de Mondoñedo ou de Ferrol, foi un detalle que estimei. E finalmente, sendo el Administrador diocesano, na Sé vacante entre don Miguel Ánxo Araújo e don José Gea, me pide ir a estudar pedagoxía catequética a Madrid. Para min foi unha oportunidade que tratei de aproveitar e que sempre llo agradecín, aínda que el, como de costume, nunca lle deu importancia.

Grazas, don Uxío, por tantas cousas compartidas, celebradas e agradecidas. Que Deus llo premie abondosamente.