Antonio Domínguez Martínez

Párroco de Vilalba

Con motivo da homenaxe de despedida que o pobo de Vilalba lle ofrece ó seu párroco D. Uxío García Amor, eu quero tamén aportar o meu gran de area pola boa relación e amistade que, ó longo da vida e da nosa actividade, nos uniu.

Ante todo, quero manifestar o meu profundo agradecemento a D. Uxío polo moito que de el aprendín, tanto no campo cultural e relixioso coma no espiritual e piadoso, nos que el é un verdadeiro exemplo e mestre.

Concretando un pouco a miña experiencia:

Era polo ano 1958, cando cursábamos 1º de Teoloxía, D. Uxío dábanos clase de Sagrada Escritura. El viña de facer a sua especialidade en Roma. Creaba así un ambiente de modernidade e de actualidade no noso Seminario onde exercían a ensinanza veteranos profesores coma D. Gumersindo, D. Francisco Fanego, Fraga, Blanco, etc. O cambio era significativo en todos os ordes.

Aló polos anos 70, na miña etapa como formador no Seminario, D. Uxío era o Director da Coral de Obreiros Católicos de Mondoñedo, na que eu participaba na corda de tenor 2º. Foi tamén unha experiencia moi positiva. Puidemos comprobar os seus coñecementos e gustos musicais excepcionais.

Hai agora 10 anos que fun nomeado para Vilalba, onde estou formando parte da Unidade Pastoral con D. Uxío. A convivencia con el é excepcional. O seu carácter afable, a sua dispoñibilidade, o seu sorriso, a sua amabilidade, son cualidades únicas da súa persoa. Non protesta nin se queixa por nada, sempre o ves alegre, tarareando pola casa e co sorriso na cara. O seu espírito de servizo e de caridade son únicos.

Quero agradecerlle a D. Uxío todo o ben que me fixo a súa compañía e o seu bo exemplo todos estes anos.

E quero desexarlle un retiro e descanso tranquilo e feliz, como el se merece.