Ángel Felpeto Enríquez

Humildade, compromiso e exemplo

Cando chegabamos de Lourenzá a Mondoñedo, había unha serie de circunstancias que marcaban a diferenza. Pasabas do gardapó gris á sotana, á beca vermella, ao bonete e ao roquete. Aínda que o hábito non fai ao monxe, sentíaste diferente e mesmo importante.

O edificio, a capela, as aulas e o campo de fútbol tamén eran algo a descubrir na primeira semana, sempre coa axuda dos veteranos; o que chegaba era “pipiolo”; pero se tiñas a sorte que nos cursos superiores houbese alguén da túa aldea ou do teu pobo, xa tiñas parte do camiño andado. Pero entón e hoxe, sempre pensei que o importante son as persoas, e para a min, seguro que para todos nós, quedarán sempre indelebles as figuras dos chamados “prefectos de disciplina, profesores e equipo reitoral. Non citarei hoxe a ningún porque xa falamos deles na nosa web “Homenaxe ao seminario de Mondoñedo”.

De todos diría algo que aprendín, mesmo de Casiano, ou da irmá Gloria e do seu arroz con mexillóns dos domingos. Pero hoxe non toca. Aínda que vivo afastado fisicamente desde hai moitos anos da terra que me viu nacer, se algo non me desvinculou nunca dela, á parte da familia, foi o seminario e foron as persoas das que aprendín sobre todo valores que son os sinais  de identidade de cada un e de todos como grupo entregados a facernos mellores persoas.

Cando subín as escaleiras por primeira vez cara ao despacho do reitor acompañado de Félix Villares, que nos mostrou as instalacións  a todos os compañeiros novos da zona de Vilalba, recordo que o primeiro que atopabas era o despacho-habitación de don Xusto, o reitor, e a continuación o de don Uxío, xefe de estudos e vicerreitor. Alí había que ir recoller as notas e a que o reitor te coñecese ao final do primeiro trimestre. Respecto e certa sensación de medo os primeiros días porque nin sequera coñecías ás persoas.

Ata que chegou a primeira fin de semana e a misa do domingo e aparece don Uxío, coa súa fronte “ampla” e o seu longo roquete acabado de planchar. Tiven sensación de confianza cando estendeu a súa man para dirixir o canto gregoriano daquel primeiro introito, que a min sooume moi solemne. Cantaban os maiores, porque nós só recibiramos unha primeira e breve lección minutos antes de comezar a misa. Dicía que me deu confianza porque a primeira impresión foi dun home humilde que transmitía serenidade e paz, xa fose dirixindo o coro, xa fóra en clase, xa fose facendo unha chamada ao silencio e á orde cando correspondía. Alí aprendín que era imposible non respectalo, porque el é exquisitamente respectuoso cos demais.

Conservo o meu libro de Lingua española e literatura de 4º de SM. Recordo que tiñamos clase con el sempre a última hora da tarde. El e don Jaime sempre impartían as últimas horas, imaxino porque ambos eran persoas con plena dedicación a outras tarefas do bispado. Incansables ambos, a ambos os unía a súa entrega aos demais e a súa humildade. As súas clases eran amenas, el logrou que lese con gusto a Bécquer moito antes de que pisase os mesmos escenarios do poeta na cidade de Toledo. Ou que aprendese con gusto de memoria poemas de Góngora, ou o romance do conde Arnaldo. Sobre todo que adquirise o hábito de lectura que agradecerei sempre.

Con don Uxío aprendín a seleccionar o que quería ler, con el aprendín a expresarme e logrou que me gustase escribir pequenos relatos. E todo iso quedou aí para sempre. Algunha vez que llo comentei contestoume que gozaba connosco na clase e dou fe que nós tamén.

Lémbroo rezando o breviario a última hora da noite no claustro alto. Del dicíase entón que durmía pouco, que era parco á hora de  comer e que lle apaixonaba a música. Da súa paixón e coñecemento da música quedou testemuño alá por onde foi. Os seus gustos gastronómicos son tan sinxelos como el mesmo, adoita dicir que é feliz cun prato de caldo de grelos. Non hai moito lía unha entrevista realizada xa hai tempo na que expresa un desexo ao que tantas veces puxo música: aprobar o exame do amor no atardecer da vida.

Aprobarao con nota don Uxío, porque vostede veuno aprobando con sobresaliente en todas e cada unha das tarefas que lle encomendaron. Nunca quixo honras ou distincións de ningún tipo, sabémolo todos os que o coñecemos e queremos. As que lle concederon aceptounas con respecto e gratitude. Algunha vez oín comentar que podía ter sido  un gran bispo. Non o dubido,  pero pregúntome:  foi un gran sacerdote que dedicou a súa vida aos demais?; Foi un home que por onde foi predicou co exemplo? Probablemente iso é o que quixo ser sempre. Neste atardecer da vida seguiu dando exemplo a todos. A quen compartía o seu ministerio sacerdotal, estando sempre en primeira liña ata o último momento e mesmo non evitando responsabilidades que quizais xa non lle correspondían.

Non me resisto a agradecerlle o seu xesto de ir unha noite fría dun 2 de xaneiro rezar o rosario ao velorio dun meu irmán. Non lle correspondía, pero estivo. Como calquera tarde-noite de domingo, coa mesma enerxía, a mesma fe e a mesma humildade que sesenta anos atrás o rezabamos con el na capela do seminario. Non sei se ese día me podía máis a tristeza pola perda dun irmán ou a emoción por ver a aquel home a quen admirei e admiro profundamente, de pé, digo ben, de pé, co bastón apoiado no altar da sala do tanatorio, con enerxía e voz potente coma sempre, como o lembraba tantos anos atrás. Pero sobre todo “crendo o que facía e o que dicía” aos seus 93 anos, coa mesma fe e o mesmo compromiso ca o día da súa ordenación sacerdotal, que segundo di é o seu mellor recordo. Que gran lección para outros, se quixeran recibila! A esas horas el tamén  podía elixir quedar esa noite fría diante do televisor vendo fútbol…

Querido don Uxío, a miña gratitude eterna e o meu desexo de que a saúde e a fortaleza o sigan acompañando para que cando pasemos por Mondoñedo poidamos saudalo e seguir gozando do seu sorriso e da súa palabra sempre sabia e serena.