Alfonso Blanco Torrado

UXIO, CHAIREGO DE HONRA

As asociacións chairegas dende o primeiro día fomos descubrindo que a arribada de Uxío á Terra Cha ía a ser un agasallo. unha bendición como se explican outras e outros. Estas expectativas xa estiveran forxandose nas lindes da nosa comarca durante anos cos novos aires que se respiraban en Muras e As Pontes, os nosos veciños, dende que Uxío traballaba por aqueles lares. Os presaxios máis optimistas cumpríronse con creces cando Uxío principiou a sementar entre nós, por camiños e rúas. Transmitía unha igrexa menos xerarquizada e máis “pobo de Deus”, e ao tempo que tendía a man, sen exclusións, espallaba arreo a Boa Nova de Xesús, As asociacións atopamos nel un valedor da nosa cultura, e coma músico senlleiro un gran intérprete das nosas emocións e coma sabio director da Polifónica Vilalbesa un harmonizador dos nosos recursos máis diversos.

Tamén celebramos que a súa implicación nesta “patria poética” o motivase para seguir escribindo versos coa mesma mestría que coordinaba as distintas voces da coral…, e así o recoñecimos nomeandoo “Chairego de Honra”, “Socio de Honra do Instituto de Estudos Chairegos” e outros sinais da comuñón e amizade que foi medrando nas nosas aldeas e vilas, aínda que pola súa humildade endexamais buscou títulos, nin o de “monseñor” que lle acumularon despois dunha exemplar traxectoria rexeitando honores, ascensos e categorías, convertendo a súa vida nunha actitude de servizo e entrega a prol do pobo.

Foto Suso Pena

Don Uxío, Chairego de Honra 2012. Foto: Suso Pena

Lembro coma fai arestora dez anos despois da homenaxe de Xermolos e a Irmandade Manuel María un xornal titulaba o evento: “Vilalba eloxia a humildade”, mesmo incluindo a loa de dous veciños singulares da Chaira; “Home discreto e xeneroso” (Xosé A. Pombo) e “Palabras como abrazos” (Alfonso Baamonde), no Progreso, 25 de novembro do 2012. Palabras acertadas que trazan o perfil de Uxío coma inspirador de comunidades vivas que integran á veciñanza no sentir común de valorar o patrimonio das e dos nosos devanceiros, porque coma ten dito Isaac Díaz Pardo, outro “Chairego de Honra”: “As cousas que teñen raíces son as que permanecen no futuro”