Manuel Reimunde Gil

Non son eu o mellor biógrafo de D. Uxío que se puidese demandar nestas publicacións. Eu dende que saín do Seminario nos anos 67 non volvín a estar con el e so souben retallos da sua vida e obra. Pero os que fomos seus alumnos no Seminario de Mondoñedo temos recordos da sua imaxe que quixera deixar aquí como constancia en honor desde home fundamentalmente bo.

Sobor de D. Eugenio teño dous escenarios para reflexionar: o primeiro a música e o segundo a literatura.

A MÚSICA

Nós chegamos a Lourenzá para nos erguer cas marchas militares do Rvdo D. Iosephus Puente Martinez. Pero ao chegar a Mondoñedo entra en escena o noso personaxe Uxío ca sua Música Clásica de mañanciña polos altofalantes dos dormitorios: Beethoven, Vivaldi. Pero recordo inesquecible é Haendel: o seu Aleluia do Mesías co que don Eugenio atronaba todas as bóvedas, pasadizos e ámbitos do cenobio na Pascua de Resurrección. Vede aquí o primeiro xermolo: Haendel. Instrumento fundamental: a voz humana. Aquí don Uxío como director de coros e escolanías. Eu formei parte da Escolanía que dirixía Caruncho, o irmán maior, non o pequeno, que este foi rondallista ínclito da Noite das Pepitas ferrolana.
 
Formabamos parte de aquela Liturxia, envolvente, iniciática, da consagración nas Órdenes Menores dos teólogos. Os actos litúrxicos son como grandes obras de teatro na que te ves involucrado cos personaxes meténdote no seu pelexo. E esperabamos o día no que nós seríamos os personaxes da obra.
 
E despois dun paréntese longo de vida, reatoparnos de novo coa música clásica na nosa primeira hombría e impregnarte non só do Aleluia de D. Uxío se non de todo o Mesías. E a connotación asociativa: a música clásica soábame a auga xaboneira para me lavar a cara cando a escoitaba para me erguer no Seminario.

E despois dende ali e con aquelas bases que D. Uxío propuxera, entrarlle a fondo a Vivaldi e Beethoven de novo (Pastoral, Heroica, Novena), Berliot, Faure, Frank, Bach, Rutter para rebentar na Opera: Traviata, D. Carlo, La Boheme, I Puritani. A voz humana que D. Uxío tanto cultivou.

E é hoxe que me dou conta que el, D. Uxío, está na base de todo.

Pero na nosa formación musical non podo esquecer tampouco aquela habitación do pai espiritual, hoxe en ausencia dolorosa, D. Rosendo, que a catro “afamados” que andabamos por alí nos poñía no seu pick-up, “rara avis”, o Quinteto de la Trucha de Schubert.  Rosendo foi un gran melómano, hoxe descansando na terra do seu cemiterio natal.
   
O “rexuntado” grupo de ex-seminaristas dos anos 1960-67, sobor de 11 en total, fómolo ver, antes da pandemia, á Casa Reitoral de Vilalba para lle facer unha homenaxe. Eu fixen xestións para levarlle “remasterizado” en CD o disco “Os Salmos pra Nosa Terra” de Xavier Méndez Pérez (Fanego), que o tiñamos en LP no que un dos tenores é meu irmán Guillermo.

Reimunde

 

Coido que lle fixo ilusión aínda que Uxío co seu impenetrable sorriso é difícil de valorar.

E no tema musical por último, eu estiven con D. Uxío na catedral este ano de 2021 cantando a Liturxia da Consagración do novo Bispo. (Musica de Monseñor Frisina fundamentalmente) Ver nova relacionada

Baixei do coro para saudalo. Creo que xa non me recoñeceu pero para min foi un pracer de novo velo, e aínda por riba que grazas ao seu ensino, eu estaba de novo a cantar A Liturxia da Consagración que xa vivira na capela do Seminario Menor.

A LITERATURA

A D Uxío o recordo como home musical e literario. Supoño que cultivou todas as artes.

Nas clases de literatura en cuarto curso deunos “Praeceptiva litteraria e Exercitacio litteraria”. Mandábanos facer redaccións que despois lía na clase seguinte, as redaccións que lle pareceran máis merecedores.

Un dos feitos que máis recordamos foi o de darnos un folio escrito polas dúas caras para suplementar o libro de Historia de la Literatura no que non se atopaban mais que escasas liñas sobor da Literatura galega. Este documento, xa esquecido por D. Uxío, entregámosllo ao mesmo tempo que o CD dos Salmos o día que o fomos ver a Vilalba.

La literatura gallega en los siglos XIX y XX (PDF)

Un dato anecdótico, que marca a actividade docente deste home, extractado dos “KALENDARIUM ET RATIO STUDIORUM” entre os cursos 1960-61 a 1966-67, libriño que se nos entregaba o comenzo do curso nomeando os docentes das diversas materias e os días lectivos, e vendo o apartado dos profesores e as materias que impartían, é Don Uxio o que necesita mais renglós para marcar as materias a impartir. Dous renglós durante tres anos e tres renglós outros tres anos, seguido de Don Dino que aparece tres veces con dous renglós.

Vaian esta liñas mal trazadas, coloquiais, para mostrar a un home que dende o punto de vista eclesial, como bo pastor que o é, cheira a ovella por todos os lados.

E si prescindísemos de calquera formulación de Fe, estamos diante dun home que cultivou todos os xeitos de ser que atendendo a teoría da Evolución das Especies, co seu ben facer, fai progresar ao home e á súa especie, a especie humana.