Palabras de Xulio Xiz na presentación da web homenaxe a Don Uxio na igrexa parroquial de Vilalba o domingo, 21 de agosto 2022

Homenaxe a Don Uxío en Vilalba (21/08/2022)

Foto: C. Pérez (El Progreso)

Devotos de Don Uxío, en colaboración co seu concello natal de Trabada, tiñámoslle gardado un agasallo a este santo varón para cando cumprise, o próximo 7 de novembro, 94 magníficos anos, pero a súa despedida de Vilalba para irse a Mondoñedo, onde o é todo, comezando por ter a Medalla de Ouro daquela cidade, fíxonos adiantar ao pasado domingo a apertura ao mundo desta páxina web na súa honra (www.uxiogarciaamor.org), viva porque seguirá recollendo a súa colleita de amor na que leva traballando toda a súa vida.

Homenaxe a Don Uxio na igrexa parroquial de Vilalba o domingo, 21 de agosto 2022

 

Os que impulsan Internet chegan a dicir que só existe o que figura na Rede, e aínda sabendo que isto non é así, que hai moitísima vida fóra do mundo dixital, quixemos aproveitar este magnífico mecanismo de educación e difusión para proclamar "urbi et orbe", desde agora e para sempre, que hai un crego que pola súa intensa e longa traxectoria, mereceu ser nomeado"Prelado doméstico da súa Santidade"; que hai un home de Deus que naceu en Sante de Trabada, ao que o seu concello natal o ten declarado "Fillo predilecto"; que hai un profesor ao que os seus antigos alumnos gardan veneración, case culto de dulía, por terlles aberto camiños espirituais e humanos, de cultura e de vida, de saber estar e ser; que hai un traballador infatigable que atendeu almas e corpos, que usou na súa vida de traballo a caridade e a música, o sorriso e o consolo, a compañía e o empuxe... que hai, en fin, un veterano loitador que vence coa súa entrega, o seu entusiasmo, a súa inocencia, o seu exemplo.

Por onde pasou, Trabada ou Roma, Muras ou As Pontes, Mondoñedo ou Vilalba, deixou unha vía lactea, un regueiro de estrelas froito desa súa semente de bonhomía e agarimo; de ledicia e de ánimo; de entrega permanente a todo o que é bo e a todos aos que se achega.

Homenaxe a Don Uxio na igrexa parroquial de Vilalba o domingo, 21 de agosto 2022

 

En Vilalba saben da súa absoluta entrega a asociación de Viuvas ou Manos Unidas, María Mediadora ou Cáritas, a Parroquia ou a Coral Polifónica. Grazas a el a Polifónica seguíu viva cando se nos foi ao ceo o benquerido Jesús Gómez; grazas a el o Belén de Begonte cumpre agora o medio século de existencia... O Instituto de Estudos Chairegos teno declarado Socio de Honra, e a Asociación Xermolos-Irmandade Manuel María da Terra Chá nomeouno Chairego de Honra. Grazas a el todos nós somos mellores por ter tan singular espello no que mirarnos.

A web homenaxe que abrimos ao mundo agarda por máis amigos que queiran decirlle "catro cousas" a Don Uxío. E remato, cavilando que cando despois do tempo que o Señor queira, no anoitecer da vida terrea o examinen do amor, os que o sobrevivan poderán afirmar: "Era un santo". Non poido esperar ata daquela, que ao mellor non chego aló, por iso remato estas verbas suxerindo que se ten accións de santo, entrega de santo, sona de santo... Santo do AMOR ten que ser Don Uxío.

Homenaxe a Don Uxio na igrexa parroquial de Vilalba o domingo, 21 de agosto 2022