Manuel Mejuto Sesto
Manuel Mejuto Sesto: cos emigrantes e co Concilio de Galicia
Está ainda relativamente fresca a noticia da morte de Manuel Mejuto na Casa Sacerdotal de Santiago (12 setembro de 2008), que rematou co cancer unha vida de 73 anos, adicada ao servizo pastoral dos emigrantes e á experiencia de novas parroquias e dun intenso traballo conciliar.
Naceu Manolo Mejuto en Vimianzo (Melide) o 4 de maio de 1933. Despois de cursar os estudios eclesiásticos no Seminario de Mondoñedo, recibiu a Ordenación sacerdotal en maio de 1957. O seu primeiro destino foron as Parroquias rurais de Candia e Lousada. Aquí tocoulle asumir o compromiso de construir unha nova igrexa, iniciando así unha das súas tarefas máis habituais: crear lugares de culto e convivencia para as comunidades que lle foron encomendadas, como máis tarde as de San Pedro de Ferrol e Sta. María de As Pontes...
En 1964 aceptou a petición do Bispo de Nimes (Francia) para atender o servizo relixioso dos milleiros de emigrantes españois (uns 18.000) que residían naquela Diocese. O seu traballo pastoral en Francia supuxo unha lección moito maior da que poidas recibir na mellor universidade, dicía el nunha entrevista. Tamén entrou alí en contacto familiar co clero francés, que naquel momento era máis aberto e innnovador.
En 1968 voltou a España e asumiu o compromiso de iniciar a vida da nova Parroquia de San Pedro en Ferrol, que promocionou como campo de evanxelización cos novos aires conciliares e comunitarios. Ao mesmo tempo tamén se lle encomendou a Delegación do Concilio Pastoral de Galicia -que se iniciaba aquel ano-, e máis tarde (1978) a xestión da Vigairía Pastoral da Diocese, o que supoñía unha permanente presencia nas xuntanzas sacerdotais e na programación das diversas actividades pastorais.
Como Párroco de San Pedro de Ferrol asumiu a construcción do edificio en que se localiza a igrexa e os diversos servizos da Parroquia, o que supuxo moitos compromisos económicos e persoais. Isto foi motivo dalgúns momentos de depresión anímica, que motivaron un tempo de recuperación, e que o levaron a pasar en 1986 a outra Parroquia tamén complexa na súa vida e proxecto: a Parroquia de As Pontes. Aquí continuou o seu esforzo evanxelizador a través dun equipo que o acompañou no servizo interparroquial, con momentos de notable tensión social e relixiosa.
Completábase ademáis o seu agobio permanente co traballo de orientar dentro da Diocese os diversos proxectos do Concilio Pastoral de Galicia, no que el asumira unha notable participación e no que puxo tamén unha grande esperanza, non sempre ben correspondida. Así o confesaba el en 1979: moitos tivémo-la sensación de que as pautas dun futuro anovador da Igrexa galega estaban botadas, de que valera a pena de chegar á meta... Hoxe tense a sensación de que aquel cúmprase final foi unha verdadeira clausura. Rematou o Concilio e pasou a historia.
Con este panorama sentiuse fondamente interpelado, e tomou a decisión de retirarse da vida pastoral nunha etapa de silencio e de noite interior. Por fin, animado por un dos seus compañeiros máis íntimos, volveu ao traballo na Diocese, atendendo en equipo as Parroquias de Buriz e Os Vilares (en 2001), e adicando parte das súas xornadas a escribir libros e artigos sobre persoas coas que el convivira fraternamente: Manolo Cillero, catequista, e Madre Purísima de Jesús, relixiosa Concepcionista. Tiña tamén moi avanzada a publicación dun novo libro sobre o Concilio Pastoral de Galicia, que non chegou aínda a imprimirse.
Con todo este equipaxe preparouse Manolo Mejuto para a súa nova vida, facendo un camiño que ben podemos considerar como de emigrante e aventureiro: unha vida enteira entregada á Igrexa.