Don Gabriel Pita da Veiga 'home de Deus'
Con toda razón podemos poñerlle a Don Gabriel Pita da Veiga o título de home de Deus (1 Tim.6,11) porque en todo momento quixo vivir a súa humanidade con Deus e para Deus.
Nacido nunha coñecida familia ferrolana en 1903, entrou no Seminario de Mondoñedo aos 20 anos, e cursou alí os estudios eclesiásticos durante outros nove anos.
Ordenouse sacerdote en xuño de 1932, con 29 anos de idade e un especial desexo de servir a Igrexa con plena dedicación e espírito sumiso.
Os dous primeiros anos de ministerio pastoral pasounos en Mondoñedo como Secretario particular do Bispo, pero buscando sempre as súas afeccións máis queridas: a catequese e o contacto apostólico coa xuventude. Estas mesmas actividades foron tamén a súa teima permanente como Párroco en Guitiriz (1935-38), e en Vilalba (1938-47). Aquí deixou unha semente evanxelizadora da que aínda recollemos agora froitos abondosos.
Pero onde se extremou a súa entrega foi na atención ós pobres e enfermos, que o tiñan sempre á súa disposición. O calificativo de santo era como un refrendo desa gloria que acompañou a D. Gabriel: os pobres enxalzárono e o pobo proclamouno. ¿Quén dá máis? (Chao Rego).
En 1947 Don Gabriel foi chamado a Mondoñedo como Director Espititual do Seminario. Foi unha breve experiencia, que lle abriu camiño para volver á súa terra ferrolana a partir de 1953, como Párroco de N.Sra. das Angustias (barrio de Esteiro), o logo da Concatedral de S. Xiao. Aquí pasou 15 anos practicando a súa pastoral máís comprometida, especialmente no mundo da pobreza e da conflictividade social, entón moi incisiva nas loitas obreiras daqueles tempos. El foi sempre un instrumento de paz, aínda que lle costase conseguila.
Tendo en conta a súa delicada saúde, polo que precisaba sair periodicamente a algún balneario ou casa rural para recuperarse, o Bispo Mons. Argaya trasladouno a Mondoñedo en 1968 como Cóengo da Catedral. Pero neste novo cargo -que en principio parecía máis levadeiro- viuse rapidamente sorprendido pola elección como Vicario Capitular, no período de sede vacante que deixou Mons. Argaya, trasladado a San Sebastián. Na súa carta de presentación dicía con toda razón Don Gabriel: este cargo, aunque interino, ha de tener momentos difíciles, y mis modestas condiciones necesitan redobladas fuerzas, que sólo Dios me puede otorgar.
E así foi en realidade durante os vinte meses que durou o seu Vicariato Capitular. Houbo procesamento de dous sacerdotes polos conflictos laborais de Ferrol. Houbo tamén outros problemas referidos ao goberno ordinario da Diocese e das obras que se levaron a cabo. Pero Don Gabriel trataba de poñer en todo o espírito de San Paulo, tal como recollía nunha das súas cartas circulares: no te dejes vencer por el mal, sino vence el mal a fuerza de bien.
Cando chegou o novo Bispo (Mons Araújo Iglesias), Don Gabriel foi designado Vicario Xeral (setembro 1970), e durante outros seis anos puido seguir salpicando a súa vida de servizos e de doenzas, xa que levaba no seu corpo -como S. Paulo-os sinais de Xesús. Así lle chegou a morte o 28 de marzo de 1976 en Mondoñedo, cando cumpría os 73 anos. Foi enterrado no claustro da Catedral, e alí recibe moitas veces unhas frores humildes e frescas, que lle sirven de compaña.. Con toda razón escribiu Mons Araújo esta loanza: Se a caridade é o signo para discerni-la verdadeira santidade, un pensa que Don Gabriel foi un verdadeiro santo, dos que poden ter un posto nos retábulos das nosas igrexas.