Don Uxío, verso de Deus
O mellor armante da cultura galega que eu coñezo, Xulio Xiz, convirame, sabedor el da miña profunda querenza por don Uxío García Amor, a participar no homenaxe que na súa honra han celebrar proximamente. Baste dicir que foi Monseñor don Uxio a primeira persoa que me fixo serpentear polas verbas dos soños como profesor do Seminario de Mondoñedo.
Dicía Mario Benedetti: “Usted no sabe como valoro yo su sencillo coraje de quererme”. A min tamén me pasou con don Uxio. Sempre me quixo e ata soportou o meu carácter rebello.
E agora aínda engado aquilo que dicía Paulo Coelho: “Cando alguén desexa algo de todo corazón, o universo enteiro conspira para axudarlle a cumprir con ise soño”. E nós, non estou só, desexamos amosarllo con este homenaxe, cal cesta de cereixas, e con ilas tratamos de corresponder a tantas e tantas mostras do seu traballo e cariño. Deste xeito, agradecerémoslle unha vida adicada ós máis, sen outra correspondencia que as gratitudes, cando as houbese.
E volvendo ó gran Paulo tamén di: “O amor é unha verba e non precisa entendemento. Só amosalo”. Por iso permítanos amosarlle ese amor de xeracións enteiras, non só do Seminario, senón tamén das distintas parroquias polas que pasou na súa andaina de home adicado a Deus. O eterno cariño que este labrego de Arante plantou nas nosas vidas xerminou, e agora é tempo de colleita. Nós só somos toupas na néboa; vostede, non embargantes, é estrela, fonte, verso e vida, que camiña coma as bolboretas, amosando a súas belezas, e rendendo fervente amor a súa REGINA COELIS a quen adicou tan fermosos e sentidos versos. Vostede é o facho que aluma as nosas conciencias con ideas de amor e esperanza. E cómpre dicilo porque é verdade.
Os tolos, os rebellos, coma me chama con agarimo vostede, somos xente que desenroscamos a cabeza e deixámola onde cadre. E no seu sitio acougamos un niño de soños. Entón os miolos, que son paxaros soñadores, ca un co seu oficio, adícanse a cantar, a bailar, a pintar, a argallar cousas... ou a descubrir, din eles, que o tempo non existe senón que todo é continuidade. Tamén contan que Xesús tiña razón, pero non lla damos porque somos un exército de parvos.
E así viven os nosos paxaros, cóntannos cousas que o resto do persoal non sabe. Por exemplo: vostede ben sabe que no seu maxín vive un miolo paxaro cantarín. Si, ¡ese que harmoniza o orfeón, compón música e entoa tan ben. Que o seu carón vive outro que lle inspira fermosos versos; outro que lle tende a man ó necesitado (o mellor poema do mundo), outro que sirve para perdoar... e así ata hai crías novas que bulen e voan polo firmamento na procura da beleza necesaria para o mundo.
Os tolos, os rebellos, somos duros de pelar e feros de aparcar o que nos converte en bichos raros. Camiñamos, no senso machadiano do verso, polo medio das silvas, e perdémonos por distintos vieiros entre coios e fochancas, caemos moitas veces e, se Deus se apiada de nós, atopamos unha Verónica que nos acompaña na vida sendo unha sofrida. Vivimos nese mundo dos soños e néboas sen outra axuda que as fontes de auga limpa e os fachos que a vida nos depara, que non son outros que persoas coma vostede, que nos amosan o valor da vida sinxela. Homes coma vostede axúdannos o saber baixar da soberbia para ollar con comprensión e xenerosidade a especie humana.
Non sei se a vostede lle gosta este mundo, pero a min dáme noxo. Dicía Schopenhauer que “A riqueza é como a auga salgada, canta máis bebes, máis sede dá”. E a min fúrame o corazón tanto desequilibrio económico no mundo. E fúramo tamén que o becerro de ouro siga a ser a meta das nosas vidas. Os tolos sabemos que vivimos nun mundo do revés, onde aquel Cristo, que con tanto fervor no amosou vostede tantas veces, é rexeitado porque viaxa en caiucos; porque os poderosos seguen a perseguir a quen fai do evanxeo o seu roteiro... No mundo, don Uxio, non manda nin a fraternidade nin o amor, senón as grandes mafias da explotación e abuso. E tempo tivemos para encamiñalo mellor.
Agora vivimos atrofiados e sen senso algún. Traballamos para despilfarrar e adoramos deuses tan cativos coma futbolistas; inventamos un mundo virtual sen amañar o real; pelexamos por ser dun partido ou doutro sen decatarnos de que podemos cambiar de capador, pero non de ladrón; quizais fagan patacas en 3D e nós sigamos sementando ideas, a ver si medran, sabedores que a Terra camiña o abismo. Mentres moita xente só pensa vivir sen preocuparse de nada, consentindo os abusos e soportando a inxustiza. A min non me da a gana de estar conforme e seguirei camiñando cos meus soños na procura dun mundo mellor. Ben sabe vostede que teño un miolo, ou dos, de rebello e cómpre seguir acougando paxariños que falen de amor, fraternidade e liberdade.
Desculpe o espallamento.
Agora o que cómpre é resaltar neste intre a súa inconmensurable valía de sabio, de humilde, de poeta, de músico, de cura, de conselleiro... Dicía don José María Díaz Fernández, na web do Seminario de Mondoñedo, que vostede “é o cura máis egrexio de Galicia e que xa en Roma lle auguraban grandes destinos” . Tamén Ramón Loureiro, na súa proposta da sesión da Academia de San Rosendo, di que vostede “nonagenario ya, encarna, como muy pocos lo han hecho, el luminoso espíritu de la Iglesia del norte de Galicia”, e engade que “goza de fama de santidad en vida”. Se eles afirman iso, eu apuntoume, porque están totalmente axeitados nas súas opinións. Así que nas miñas fraquezas, rezareille para seguir recibindo a comprensión e a xenerosidade con que sempre me agasallou.
Vostede sempre foi moi intelixente e por iso escolleu á Virxe María como amor da súa vida e a Ela adicou fermosísimos versos de verdadeira esperanza. E nesa mística camiña seguro, co caiado da bonhomía e a preocupación eterna polos que sofren, sabedor de acadar o paraíso prometido.
Nós, os que camiñamos por carreiros máis tortos inmersos nesa brétema da que falaba antes, tratamos de non perder o norte da humildade fuxindo de parvos e fanáticos; dos primeiros, porque non se aprende nada deles; dos segundos, porque as súas verdades poden ser moi perigosas.
Neste intre gostaríame ser ise paxaro que con lingua lixeira canta no seu orfeón un “gloria a Deus”, que tivo neste Home un fiel e eterno valedor. Grazas, meu Deus, por ise facho, pola auga fresca deste santo, que soubo ser unha xenerosa rosa que alumou e aluma ós homes por carreiros e vales.
O amor é unha moeda de ouro que levamos no seo os que gozamos da súa vida, don Uxío. Sempre noso, Monseñor Uxío... Gloria a Deus.