Pedro Conde González

Don Uxío: Músico, Profesor e Crego

Non é doado resumir en dous folios a cantidade inxente de lembranzas, vivencias e sentimentos que a figura de don Uxío suscita nos que tivemos a sorte de coñecelo e non perdemos ocasión de amosar a nosa gratitude polos moitos exemplos da súa bonhomía, da que somos en gran parte debedores e da que sempre seremos voceiros orgullosos e privilexiados.

No portal Galegos aparece Uxío García Amor na categoría de “músico, profesor e crego”. Tentarei, xa que logo, expoñer a miña visión de don Uxío nas tres facetas, a humilde visión dun xubilado mariñán, curtido na forxa do Seminario de Mondoñedo.

Pedro Conde González

 

Dende que utilizo as novas tecnoloxías, son moitas as veces que, para dar os bos días a grupos e amigos de WhatsApp, lles envío a “Primavera” de Vivaldi. Xa saben todos que don Uxío era o profesor do Seminario que nos espertaba cada mañá con música clásica, e que Vivaldi era un dos que máis veces soaba polos altofalantes.

Teño moitas lembranzas, hasta diría que morriña, da “Schola Cantorum” (e tamén da “escolilla”, da que formaba parte), na que don Uxío nos ensinou a cantar e apreciar o canto gregoriano. Enchín moitos tempos libres da miña vida co “Liber Chori”, un dos meus libros de cabeceira.

Don Uxío desvivíase por facernos agradables os ensaios, dentro da seriedade que requiría estar ben preparados para encher de solemnidade a misa precisamente “solemne”. E abofé que conseguiu que a música fose importante na vida de tantos compañeiros cos que me sigo relacionando.

Teño que dicir que non era doado manternos a raia. A modo de anécdota, lembro como algúns compañeiros (quizabes Xulio Leal e Paco Conde) tentaban facer dúos e don Uxío, firme na reprimenda, pero sempre co sorriso nos beizos, insistía en que “el gregoriano no permite hacer voces”.

Pasados uns anos, lembro unha actuación no Teatro de Ribadeo dunha agrupación musical dirixida por don Uxío (dubido se era o Orfeón Obreiro de Mondoñedo ou a Coral Polifónica de Vilalba). Don Uxío anunciou o título da canción que ían interpretar, “Juventud, divino tesoro”. Un amigo que me acompañaba, nada amigo dos cregos por certo, comentoume: “Na forma de anunciar a canción, xa se nota que este home é un home de Deus”.

Pedro Conde González

 

Formo parte dun pequeno coro en Vigo. Nos ensaios son inevitables os reflexos da Schola cantorum e das ensinanzas de don Uxío.

Músico, si, un gran músico. Na presentación do seu libro de poemas, don Uxío sorprendeu ós asistentes: a súa intervención no acto foi cantando o “Sementar, sementarei”, de “Fuxan os ventos”. Músico, si, un gran músico.

Non me sinto capacitado para valorar nos seus xustos termos a faceta de don Uxío profesor. Apuntarei só que autores como Cervantes ou Lope de Vega entraron na miña vida pola porta da clase de “Literatura”. Tamén as súas ensinanzas de “Historia del arte” permitíronme visitar moitos monumentos facendo gala dos meus coñecementos adquiridos no Seminario, cando menos para explicar algúns detalles propios do románico e do gótico.

Non tiven a sorte de ser alumno de don Uxío nas clases de francés nin de Sagradas Escrituras, aínda que, coñecendo ó profesor, teño para min que poucos coma don Uxío estaban tan capacitados para explicar os Evanxeos, porque forman parte do seu propio ADN.

E así chegamos á terceira faceta de don Uxío, a de crego, sen dúbida a que el considera como definitoria.

Tódolos ex-seminaristas de Mondoñedo que coñezo consideran que don Uxío ten o perfil máis axeitado para ter sido un alto dignatario eclesiástico, cando menos pensamos que sería o idóneo bispo para a tantas veces vacante sede de Mondoñedo-Ferrol.

Pero temos a sensación de que, dende a súa acreditada humildade, nunca quixo aceitar o cargo. Sempre tivo una clara vocación de apostolado no medio rural, dende o seu labor nas parroquias da bisbarra mindoniense ata o servizo que segue a prestar nas parroquias chairegas de Vilalba. Un auténtico cura de Ars.

Coñecido por todos nos anos do Seminario como “don Eugenio”, non tivo reparo en optar por ser coñecido como “Uxío”, unha mostra máis do seu fondo sentimento de home galego, quixo espallar a mensaxe evanxélica na lingua galega e no pobo galego.

Moitas grazas, don Uxío.