Xulio Leal Carreira

Entre 1962 e 1965. Unha tarde semellante a todas as tardes no internado do Seminario de Mondoñedo. Ensaia a Escola unha misa nova para unha celebración. Un alumno chega uns cinco minutos tarde. O Director mírao movendo a cabeza como insinuando desaprobar a súa demora. Sentíndose ferido no sen orgullo adolescente, o cantor pasa a ocupar o ser lugar na súa corda. Esa tarde tocaba ensaiar o “Sanctus”. De pronto decátase de que o compañeiro máis seguro da corda estaba ausente ese día. E o inmaturo rapaz viu o ceo aberto. Ía pechar a boca nunha entrada con certa dificultade cuxa seguridade a ausencia non garantía. Toda a corda fallaría. Como así foi. Despois de tres intentos fracasados, o Director volvía a ollalo, pero esta vez chamouno polo apelido é, con suavidade é case implorante, pediulle que cantase.
 
Ao remate do curso. Exames finais. Primeiro o escrito. Sobre Literatura Universal. Un alumno contesta a todas as preguntas agás a última que non lembraba ben. Verlaine só viña no libro nunha nota ao final dunha páxina da esquerda. Unha vez comprobado que o profesor paseaba co Breviario aberto ao fondo da aula, abre o libro e copia. Cando acaba, indaga onde seguía o profesor. Estaba xusto ao seu carón vendo o que acontecía cun ademán entre irónico e indulxente. O alumno recolle, entrega o exame e vaise. Dous días máis tarde, o exame oral diante un tribunal de dous profesores. Cando lle toca ao de Literatura, o alumno adiántase para dicirlle que dominaba a materia e que quería levar boa nota. O Profesor examínao como se nada tivese acontecido e ponlle unha boa nota.

Creo que os dous casos, que os alumnos protagonistas poden hoxe sen dúbida corroborar, son exemplos dunha mesma resposta pedagóxica que non cadraba coas habituais naquel momento. Superado ao menos naquel internado aquilo de que “a letra con sangue entra”, o certo é que o sistema educativo era solidamente vertical e autoritario. Con poucas concesións ao diálogo, á coeducación, á situación persoal do alumno, ao respecto á súa propia identidade. Precisamente o que tiveron en conta o Director da Escola e o Profesor de Literatura ante os dous indolentes e altivos alumnos.

O lector seguro que xa supón que os dous, Director e Profesor, eran un: Uxío García Amor. Non podo lembrar del nin un só mal xesto, nin unha palabra máis alta, nin unha sinal de poderío en función do seu cargo. A “potestas” resultaba eliminada, ao prevalecer sempre e unicamente a “auctoritas”.

Sempre humilde e servizal. Como non visualízalo aínda agora apagando luces polos claustros e recantos penumbrosos.

Caladamente desprendido. Dos seus aforros, supoño que moi frugais, saíron axudas para alumnos especialmente necesitados.

Considerado por nós como moi ilustrado, non faltaban os que dicían que era indicado para chegar a bispo (a historia mostrounos máis tarde que os camiños de Deus son certamente insondables, e non sabemos se ás veces poden resultar non de todo atinados ou mesmo erráticos).

Canta música clásica nos “facía” escoltar ao erguernos polas mañás, cuxo valor só máis adiante soubemos apreciar na súa xusta medida. Os seus desvelos por elevar a nosa limitada capacidade oral e escrita (literatura, preceptiva literaria), por nos descubrir a arte, non só a musical senón a arquitectónica, escultórica, pictórica... ( ben é certo que nunca logramos saber quen fora o “autor” dos manchóns sobre as fotos proxectadas... Concesións, meu Deus, ao escurantismo de tempos históricos represivos...).

Firme nas conviccións, pero sempre afable e tenro nas formas. Amante da súa Terra e da súa cultura. Non pertence aos que en linguaxe de antano cualificabamos como “desertor da tabela”. A súa labor pastoral realízaa na súa e nosa lingua materna, sen deixar de asistir a todo acto cultural que ten lugar na contorna.

Un “mestre” ilustrado, bondadoso, sempre nobre e digno.

Grazas, D. Uxío.

Sorte terte coñecido.